Naceu no 1915 en Tui (Pontevedra), e militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Morreu en Vigo hai xa 22 anos.
Xosé María Álvarez Blázquez publicou en vida tres libros de versos: Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) e Canle segredo (1976). Se Poemas de ti e de min paga un belo tributo ao popularismo, ao imaxinismo e ao neotrobadorismo, Roseira do teu mencer, constitúese como un libro profundamente conmovedor, pois ninguén ten cantado tan altamente na nosa lingua a emoción da paternidade. En canto a Canle segredo, é un libro grave, sabio e fondo do que Ferrín dixo que se se publicara no tempo en que foi escrito tería sido o sinal dun cambio de rumbo da poesía galega.
A obra narrativa en galego de Xosé María Álvarez Blázquez é de menor importancia, non por calidade, senón pola súa extrema brevidade. Perdidos os relatos d'Os ruíns que ía publicar Ánxel Casal en 1936, os cinco contos de A pega rabilonga, de feitío moi clásico, son practicamente a súa totalidade.
Xosé María Álvarez Blázquez foi o exemplo perfecto dun polígrafo. A historia xeral e local, a arqueoloxía, a literatura, foron só algunhas das erudicións que cultivou.
Xosé María Álvarez Blázquez -que ingresou na Real Academia Galega cun discurso sobre Cantares e romances vellos prosificados - realizou importantes achegas en materia de literatura popular e culta, de arqueoloxía, de historia, de etnografía, e pronunciou innumerables conferencias e discursos, entre os cales cómpre salientar o primeiro do que hai noticias, pronunciado en Tui no ano 1934 e publicado pola Federación de Mocedades Galeguistas: Berro en lembranza dos heroes de Carral. Este mesmo espírito militante sería o do seu derradeiro libro impreso en vida, libro aínda máis doloroso por tratar de quen fora o seu xefe político, amigo persoal e mesmo curmán por matrimonio: Alexandro Bóveda.
É ben coñecido o papel de Xosé María Álvarez Blázquez como editor. En 1950 fundou, con Luís Viñas Cortegoso, a Editorial Monterrey, que conta co mérito histórico de amparar o nacemento da chamada Nova Narrativa Galega .Pero aínda máis importante foi a segunda xeira, iniciada en 1967, das Edicións Castrelos, obra persoal exclusivamente súa. Ás Edicións Castrelos débeselles o fenómeno da Colección O Moucho,libros do pobo para o pobo; pero tamén a popularización da obra de Rosalía e de Curros, e máis aínda da do propio Pondal, que estaba reducida a moi pequenas minorías e se vendeu por milleiros de exemplares na Colección Pombal. E tampouco non se esquecían os contemporáneos: Celso Emilio Ferreiro, Xosé Neira Vilas, Méndez Ferrín, Xohana Torres ou Manuel María.
|