Lois Pereiro nace en Monforte en 1958. Realiza estudos de tradución en Madrid, cidade á que marcharía co seu irmán Xosé Manuel con só dezasete anos. Alí mantense economicamente vertendo ao castelán filmes e series para a televisión.
Pero en Madrid vai estar vencellado, por amizade e por proxectos comúns, ao grupo que formaba con Manolo Rivas, Antón Patiño ou Xavier Seoane. Co esforzo de todos, naceron as publicacións Loia ou Luces de Galiza.
Porén, os riscos asumidos na vida madrileña de principios dos oitenta fixeron que Lois decidirá o seu regreso á Coruña, onde se manteñen os nexos cos que constituían o grupo de Madrid, e, de novo aquí, vivirá fundamentalmente do xornalismo. Iso si, no eido poético participa na publicación colectiva De amor e desamor e integrarase, durante 1984 e 1985, no colectivo de mesmo nome. Este feito permite que o público comece a coñecer a súa obra.
Gaña o Concurso Nacional de Poesía O Facho: todas as súas creacións poéticas, espalladas en antoloxías ou publicacións colectivas, reúnense en Poemas. 1981/1991, en 1992. O seu primeiro libro publicado reflicte xa unha tendencia etiquetada como punk, moi presente na súa vida.
En 1995 aparece a Poesía última de amor e enfermidade. Con só dous libros publicados xa define un estilo literario curto e tenso, Neste derradeiro libro, en vida, que foi reeditado nos últimos tempos, atópase un novo xeito de entender a existencia. Lois Pereiro morre pouco despois, en 1996. Nese ano do seu finamento, o seu irmán, Xosé Manuel, fai que saia á luz Poemas para unha Loia, constituído a partir de composicións da época madrileña, xa publicadas naquela revista Loia, e dun ensaio: "Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia". Nel expón moitas das súas ideas e conviccións sociais e políticas, ofrecendo unha panorámica que inclúe unha chea de referencias directas a escritores, filósofos ou políticos dos que bebe.
Ademais, deixou oito capítulos dunha novela inacabada, Náufragos do paradiso, publicados naquela revista que fora dirixida por Manolo Rivas, Luces de Galiza.
Pero Lois Pereiro tamén lle puxera letras ás melodías do grupo punk Radio Océano, que o seu irmán lideraba. Porque o esforzo de Lois estivo canalizado cara á contracultura. E así, as súas verbas tamén se debuxan en fancines ou en escollidos guións.
|